viernes, 17 de septiembre de 2021

VISITA Ó MONUMENT VALLEY

Cando erguín da sesta, ó momento, non sabía que facer. Foron tan só uns segundos. Axiña se me veu á cabeza o achegarme deica o Monument Valley de John Ford. E non o pensei dúas veces: vestinme completamente de vaqueiro (en linguaxe galega) ou cowboy (en linguaxe ianqui), ou sexa, o típico revólver ou colt, chaleco e sombreiro e collín o meu burro Star. Certo que me furgaba nas entrañas o asunto dos indios (sempre tiven a imaxe de dez mil indios escondidos debaixo dunha verza) por aquilo de que lles gusta cortar cabeleiras, pero como se adoita dicir ultimamente: malo será!


Ó trote, unhas veces, con parsimonia, outras, empecei a cruzar Estados ianquis que se me facían eternos. Canta inmensidade de terra perdida, por Deus! De cando en vez mesturábame cos búfalos e contáballes a historia de cando o meu burro se ía de xolda ó muíño do Dositeo. Nun deses desertos que hai polo Far West, nunha noite de troula, organicei un trío musical cunha serpe de cascabel, o burro co seu orneo e eu coa miña voz e algún que outro tiro ó aire. Eu ben vin como unha ducia de voitres se achegaban a escoitar. Sinceramente, estabamos a facelo ben.

Cando por fin cheguei ó Monument Valley de John Ford, alí estaban os tan temidos indios. E non estaban debaixo dunha verza, senón que se distribuían moi ben por certos outeiros que me arrodeaban. Baixei do burro Star, deixei caer a cartucheira ó chan, chamei polo xefe Toro Envorcado e puxémonos a fumar a pipa da paz. Non sería eu quen iniciase o conflito.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 9 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario