viernes, 3 de septiembre de 2021

O CUMIO DE TODA A CONTORNA

Quedan dous días de novena e o Día 8. En total tres. Case explico por que me metín nesta danza, nesta camisa de once varas de escribir algo todos os días. O mellor exemplo que podo facer constar é usando á miña nai como guía. Resulta que nós temos a casa (que xa non é miña, pero sempre será a miña casa, entendedes?) pegadiña á igrexa de Baños de Molgas e, aínda así, para a miña nai como a Virxe dos Milagres non había. Vaiche boa; nin punto de comparación co san Salvador! Para un servidor, o día 6 de agosto, san Salvador, patrón de Baños de Molgas, é o día máis importante do ano. Pero é ese día. Mentres que Os Milagres... Os Milagres están aí sempre.


Normal que lle queira a Os Milagres; a miña nenez, infancia e xuventude paseina nese outeiro do Medo. Teño unha foto na que estou no colo da nai e vese ben que é na explanada dos Milagres, nas novenas. Cando os dous meus irmáns estudaron alí só se podían visitar ós domingos para levarlles a muda, algo máis de roupa e o que se puidera de comer (ou sexa, touciño, porque outra cousa...) e eu ben que oía ós outros rapaces do colexio “aí vén o Rivas pequeno”. Que queredes, enchíame de orgullo. Xa me coñecían ben, de ir todos os domingos coa nai a visitar ós meus irmáns. Máis tarde, cando a min mesmo me tocou estudar alí (no chamado colexio novo), foron oito anos inmensos e intensos. Todos os estudos que teño realiceinos nos Milagres; bacharelato e COU.

E non chegando con todo iso... ano tras ano indo ás novenas. Ano tras ano, e fóra xa das novenas, achegándome tamén a ese recinto algún que outro domingo porque, a miña nai, o dito: como a Santiña ninguén. Botei nove anos en Madrid e aí si que fallei algún ano non asistindo ás novenas, ou polo menos a todas as novenas, dependendo, claro está, de como collese as vacacións. Pero tamén é verdade que non houbo ningún ano no que non deixara de escribir algo sobre esta celebración mariana; ou ben por medio dun diario que levo desde 1984 ou ben por medio de relatos ou incluso algunha que outra poesía. As novenas, en xeral, ou o Rosario das Antochas e o Día 8, en particular, sempre estaban na miña cabeza, no meu bolígrafo, nos meus cadernos. Non é de estrañar entón que estea tan apegado a un lugar no que botei (e se Deus quere, seguirei botando) boa parte da miña vida. Porque se, por exemplo, a burga e o celme de Baños de Molgas, Os Milagres é o cumio de toda a contorna.


Finca Fierro. Venres, 3 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario