lunes, 13 de septiembre de 2021

UN MANSIÑO

Ó pouco de saír da casa tiven que recuar, tiven que volver ou retroceder porque saía sen música, sen os auriculares; e sen música abúrrome polo camiño. O meu camiño deica o café vén sendo de dez ou quince minutos, pero é moito tempo entreténdome tan só cos biosbardos. Ademais, foi poñer os auriculares e, zas, “Everybody´s Talkin”, de Harry Nilsson, nada máis e nada menos, e que aparece na película “Midnight Cowboy” ou “Cowboy de medianoite”. Gran película. Marabillosa canción. Xa só por ese tema valeu a pena recuar ou volver.


Non me canso de repetilo: non sei vivir sen música. A música seica amansa ás feras. Non meto a man no lume para asegurar iso... porque non son unha fera. Son un mansiño que, iso si, de cando en vez cuspo palabras ou pingas de orballo cheas de veleno. Pero líbreme Deus de querer envelenar a alguén! As palabras cheas de carraxe non matan. Ás veces poida que si que doan; é máis, doen. Outras veces quedan flotando no aire porque ninguén lles fai caso. Algo que case me parece normal pois, quen lle vai facer caso a un mansiño?

A música é esa táboa de náufrago que mantén a un a flote, na que nos agarramos para distraernos, para fuxir de certas realidades. Eu aboio con Barbra Streisand e Sabina, con Fuxan Os Ventos e Charlie Santana, con Paquiño Sinatra e as bandas sonoras de don Ennio Morricone. Coa música son máis mansiño ca nunca e deixo que esas pingas de vinganza queden enleadas entre as silvas do atallo polo que paso. Este mansiño segue escoitando música.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 6 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario