sábado, 11 de septiembre de 2021

FALLO NAS NEURONAS

Algo non vai ben cando un sae da casa coa intención de escribir nunha terraza de bar e colle o libro en vez do caderno. O libro é para ler e o caderno para escribir. Ó mellor foi a inercia de andar sempre cun libro na man. Quizais fose a rutina, a costume de saír continuamente a ler ó aire libre. Tamén puido ser que as neuronas non estivesen ben reguladas, ben dispostas ou que o pensamento andase na procura dalgún esperpento. Din que todo é posible na viña do Señor. Iso faime lembrar a viña que tiña, e na que todas as posibilidades que había alí só consistían en traballar, traballar e traballar.


Pero xusto cando estaba a piques de pechar a porta caín na conta, ou mellor dito, vin que en vez do caderno saía co libro. Tiven que recuar, claro, é dicir, retroceder. E foi cando pensei que na miña cabeciña mesturáranse os chícharos coas silveiras, ou os Anxos Custodios cos evanxelistas bíblicos; aínda que máis seguro que foran os futbolistas cos alpinistas. Xa digo que, ás veces, as neuronas bailan porque teñen que bailar, porque seguen un ritmo que anda por aí.

Arestora, por certo, estou escribindo sobre o caderno e non sobre o libro. Podo prometer e prometo que aínda que trouxera o libro, non escribiría sobre el. Os libros, para min, son tan sagrados que nin os escribo nin lles dobro as puntas para marcar as páxinas. Agora, xa coas neuronas máis ou menos controladas ou domeadas, deixo de escribir no caderno para, dentro dun cacho, poñerme a ler no libro.


Café Kibu. A Valenzá. Xoves, 2 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario