jueves, 2 de septiembre de 2021

OS DOMINGOS NOVENARIOS

Hoxe é domingo. Falemos dos domingos nas novenas. Se estou farto de pregoar que os días máis importantes desta celebración mariana son os dous últimos, é dicir, o día 7, polo Rosario da Aurora, e o día 8, pola festividade da Virxe dos Milagres; tamén lle podemos engadir moi facilmente o domingo ou domingos que caen nestes dez días. É máis, desde hai xa un tempo, creo que o domingo que máis se achega ó día 8 acolle a moita máis xente que ó propio día día da Virxe. Por exemplo, este ano; estou case seguro que haberá máis peregrinos hoxe que o próximo mércores (o mércores moita xente traballa). Outra importancia máis dos “domingos novenarios”: que todos os días a misa radiada era a das sete da tarde, menos os domingos, que se pasaba ás doce do mediodía. E tamén nesta adoitaba participar o bispo de Ourense.


Pero hoxe máis ben vou falar dos domingos polo impacto que supuñan nestas dúas décadas sobre as que me estou baseando nestas lembranzas, as dos anos 60 e 70. E aínda que nun dos relatos confesara que os coches se podían contar cos dedos das mans, hai que recoñecer que os domingos aparecían de non se sabía onde. Si, de toda Galicia e parte do estranxeiro. E debido tamén a que naqueles anos aínda non existía o aparcadoiro ó que eu lle chamo “O lameiro” (ese recanto que está entre eses dous ramais das pistas de Vide e da veiga de Francos), impresionaba ver as ringleiras de coches aparcados ás beiras das diversas estradas que hai polos arredores. Había domingos que os coches quedaban aparcados a máis dun quilómetro do recinto do santuario. E xa non digo nada cando o Día 8 caía en domingo; o quilómetro largábase a un par e os burros multiplicaban a presencia atados ós piñeiros do monte Medo.

Por iso, nesas décadas, o ir andando ós Milagres os domingos era como unha aventura máis a maiores, porque un xa non podía ir ó seu aire ocupando toda a estrada e porque o po era o gran inimigo da andaina (lembrar que neses anos a gran maioría das estradas estaban aínda sen asfaltar). Eses domingos tragabas máis po que nas propias mallas. Quedaba o aliciente, iso si, de que como empezaban a imperar os coches, sempre pasmabas un pouco ante eses modelos que non pertencían a un calquera. Tamén os domingos era o día da gran bicoca para os postos feirantes. Como se adoita dicir, no setembro facían o seu agosto.


Finca Fierro. Xoves, 2 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario