domingo, 12 de septiembre de 2021

A FAMILIA DE SABELA

Dime, nena, ti de onde es? Son de Chaodarcas de Arriba. E de quen ves sendo? Son a filla da Clementina, A Parrumeira. Como me debeu notar dúbidas ou estrañeza, seguiu comentando que a súa nai casara co Eduardo, que era de Cachamuíña de Abaixo. Eu chámome Sabela, pero todos me din a filla da Parrumeira. Pois tes que perdoar, nena, pero aínda non caio moi ben de quen es; coñezo a uns cantos Eduardos. Mire, ó mellor coñece máis ós meus tíos, os irmáns de meu pai, xa que eran fillos da Clotilde e do Filomeno, Os da Rozada. Os tres emigraron, tan só quedou aquí (de pasmón, como di a miña nai) meu pai. O tío Inocencio marchou para o Brasil e alá casou cunha brasileira, que cando viñeron unha vez de vacacións, seica revolucionou a aldea. Eu non sei por que, pero foi o que lle escoitei ós meus amigos; que os seus pais seica se alporizaran moito.


O tío Filomeno emigrou para a Arxentina e ninguén soubo máis del. Fálase que corre detrás dos lagartos pola Pampa, aínda que eu creo que esaxeran, que nas aldeas gusta falar, e iso... Porque, se non saben del, como saben iso? E o tío Eladio
parece que anda polo Congo, e tamén casou cunha africana, cunha negra. Seguro que é negra por culpa do sol, que por alá hai moito sol. Foi o que me dixo un día a miña mestra. A esta noteille algo raro na voz, coma se lle gustase o meu tío. Cando a nena quería seguir falando... Agora xa caio: O Toxo Arnao!, exclamei. Así que es a filla do Toxo Arnao! Pois dálle recordos a teu pai. Dille que falaches co Olegario, O Iluminado. El coñéceme ben. Ale, boa tarde, nena. Boa tarde, señor Iluminado.


Café Kibu. A Valenzá. Venres, 3 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario