miércoles, 8 de septiembre de 2021

O TIGRE DA MIRADA AZUL

O tigre mirábame de mala maneira. Tiña a mirada de cor azul. Eu estaba agachado entre uns fentos e preguntándome que facía alí. Como chegara eu a Tanzania? Ó mellor era Quenia. Non sei; si sei que era África. Porque o tigre era africano. Sinceramente, non sabía que facía alí e como chegara ata ese lugar. Non obstante, creo recordar que o día anterior, antes da noitiña, atopábame cun grupo de masais (creo) no que, elas, ensinaban as tetas e, a eles, penduráballes o vergallo. Pobres! Que pouca cristiandade hai no mundo, por Deus! Que pouca decencia!


Tiven que deixar de pensar porque o tigre fixo un pequeno movemento que me alarmou. Normal; era un bicho impoñente que non me quitaba de encima a súa mirada azul. Eu collín medo, tiña medo porque, para máis aquel, non tiña ningunha arma de fogo comigo. Por non ter nin tiña tan sequera un maldito coitelo. E só que me achegase dous metros máis, eu era home morto. Procuraba nin respirar para que non ouvise nada; a ver se o tigre pensaba que eu era un carballo mal feito. Tiña medo a que me saíse un esbirro porque, pouco a pouco, empezaba a notar como o suor se me arrefriaba. Eu sabía que suara co medo.

Espertei coa angustia e, ante min, colgada nunha percha de madeira había unha camiseta co debuxo frontal dun tigre. Dun tigre que tiña os ollos azuis, a mirada azul. O continente africano era unha simple habitación na que a cama ía moito máis alá do cubil dunha choza dos masais. Maldito soño!


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 31 de agosto de 2021

 

1 comentario: