martes, 21 de septiembre de 2021

A MIÑA VELOCIDADE

Inspirei con forza, con moita forza e durante bastante tempo. Para coller aire. E para calmar os nervios. Necesitaría toda a axuda divina, terrestre e paranormal para a aventura que ía cometer. Botei a correr. E empecei a unha velocidade que tampouco era normal para a miña idade. Corría tanto que a xente non me vía; tan só notaban como abaneaban os coches e como eles mesmos (os humanos) se desprazaban uns metros. Á causa da forza da miña velocidade. Rachaba o aire de tal forma que, este, ó desprazarse, golpeaba a todo o que se puña por diante. Os piñeiros saían voando e ata os propios edificios das cidades polas que pasaba bambeaban de tal forma que máis dun pensaba en grandes terremotos, de forza 8 ou 10. Ou máis.


A esa velocidade pasei por tantos lugares e cidades que me é imposible nomealos. Sei que cheguei ó Polo Norte (porque facía frío) e nun chiscar de ollo xa estaba no Polo Sur (porque correra en dirección contraria). A miña velocidade seguía a ser inmensa e, o máis impresionante, continua. Sempre a mesma. Non cansaba. Non esprintaba máis. Daba igual que correse pola Pampa arxentina que cruzase o Himalaia. Subía os picos máis altos desta cordilleira á mesma velocidade que atravesaba as inmensas chairas ou planicies do Far West ianqui. A miña velocidade era tal que aínda non tivera tempo de expulsar o aire que acumulara nos pulmóns. Seguín correndo un tempo prudencial e parei cando a min me deu a gana. Ninguén se decatara porque non me vían.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 13 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario