martes, 14 de septiembre de 2021

IMPOSIBLE IMITALO

Non sei quen dixo que se quería parecer a Xesucristo. Eu, aínda que quixera, non podería. Sei que non podería cargar coa súa cruz ás costas. Moito carballo xunto para o meu lombo. Tampouco estaría disposto a recibir os 39 lategazos cos que o castigaron porque, eu, coa pouquiña carne que teño, seguro que co terceiro lategazo xa me entran na soá. O do pelo longo aínda é pasable. Como o de levar alpargatas. Pero o de camiñar sobre as augas... iso non o cre nin el mesmo. Eu goldraba o río Arnoia e tiña que arremangarme deica os xeonllos se non quería poñerme coma un pingo. Poida que eu sexa un cagadiño, pero como non son parvo tampouco poría a outra meixela para levar a labazada así como así, así como dita a Biblia.


Onde realmente non podería imitar a ese home que predicaba moito e moitas veces (ata no deserto), sería no de converter a auga en viño. Son abstemio! Só bebo auga e cafés! Para que quero o viño! Tampouco son moito de peixe; así é que o de multiplicalos, pois vai ser que non. Algún pan ó mellor si. Porque non sei comer sen pan.

A ver, ese fillo de Belén tivo o seu mérito. Principalmente niso de intentar convencernos de que nos amásemos, de que nos quixésemos uns ós outros. O que pasa é que despois ninguén lle fixo caso. E iso tamén é moi triste. O homiño tívose que sentir moi decepcionado. Ó mellor foi polo que morreu na cruz. Polos nosos pecados. Se foi por isto, vai ser verdade que hai que admiralo. Porque cometer cometemos uns cantos e máis.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 7 de setembro de 2021

 

2 comentarios: