miércoles, 15 de septiembre de 2021

UNHA ESPERA AMENA

É certo que saín da casa co caderno e coa intención de escribir algo. Pero na metade do camiño falei comigo mesmo e o asunto, a conclusión logo da miña parola quedou en que non escribiría nada. Simplemente porque non me apetecía. Que pasou logo para que deixe caer agora estas pingas de orballo? Algo moi sinxelo: que as esperas, desesperan. E a min moito máis. Son un desesperado, un nervioso, un agonías!


É que teño que esperar. O que ou a quen... en principio, en boca pechada non entran moscas. Teño que esperar, e espero. Espero escribindo e espero contemplando a paisaxe, ou sexa, unha rúa pola que circulan coches e unhas beirarrúas polas que pasea ou pasa xente. Espero unificar o universo con sentimentos de aquí te espero e facer feixes coa herba que está espallada polo lameiro do Río Vello. Espero pendurar dun campanario pero sen que as campás toquen a dó. Espero contemplar as estrelas do firmamento pola noite. Agora é de día.

A espera cada vez vai a menos, porque o tempo pasa e todo cambia. Hai un cacho non me apetecía escribir, pero como había que matar o tempo (o de matar empeza a serme un signo de preocupación; o outro día quería cortar cabezas), as pingas de orballo caeron. Iso si, a contagotas pero caeron. Caeron porque quixen, claro. Se non quixera, e aínda que me desesperase, o tempo seguiría pasando. Lentamente pero pasando. A verdade é que escribindo pasoume máis rápido. E a espera fíxose máis amena.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 8 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario