viernes, 10 de septiembre de 2021

CORTAR CABEZAS

Con sixilo, moi caladiñamente achegueime ata a palleira para coller un fouciño. Tiña ganas de cortar cabezas e quería cortar cabezas. Necesitaba cortar cabezas! Creo que sempre fun un bo home, pero tamén sei que ás veces crúzanseme os cables. Mesmo hai veces que busco que se me crucen os cables. Quero ser malo, daniño, ruín! Quero que se me vexa nos ollos que esas pequenas veas cheas de sangue son produto da carraxe, da maldade que levo, da maldade que eu quero levar dentro. Quero ser malo de solemnidade. E a maldade, como mellor se amosa, é cortando cabezas.


Así é que saio con paso fino, pero firme, pola Aira de Arriba buscando unha cabeza para cortar. Só hai palleiros e canastros. Detrás dos palleiros no hai ninguén; abro os canastros e están baleiros. Case se pode dicir que boto lume polos ollos. Baixo por toda a vila buscando xente e non atopo unha maldita alma. Puto abandono! Xusto detrás deste pensamento vexo unha sombra uns metros máis abaixo. Boto a correr; o mozo mira cara min e cando me ve o fouciño e a mirada, fuxe como alma que leva o demo ou marcha coma o peido do cu. Eu creo que foi na mirada onde se decatou do perigo, onde soubo que eu non era eu. Axiña deu a voz de alarma e non houbo maneira; logo de buscar por todas as airas e prazas non atopei a ninguén. Desde a Aira do Pombal marchei para a casa, coa cabeza gacha. Tiven un esbirro e foi cando nese momento se me foron as ganas de cortar cabezas. Menos mal.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 1 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario