jueves, 16 de septiembre de 2021

SAGRADOS NO COIDADO

Saín da casa sen paraugas. Ós poucos pasos empezou a marmañar. Non me volvín. E se é pouco? Se é pouco, despois, o paraugas só estorba. E se chove máis? No verán, de cando en vez, ata dá gusto mollarse. Só un pouco; que se un se enchoupa axiña aparecen logo as cambras e os reumatismos e as calamidades dos ósos, do corpo, da idade. Un, pouco a pouco, día a día, ano a ano vai vello.


O dito: seguín andando, sen paraugas, pero, iso si, co caderno debaixo da camiseta, non vaia ser que se me molle. Prefiro enchouparme eu ata os ósos antes que caia unha pinga de auga, só unha, sobre o caderno (ou sobre un libro). Os cadernos e os libros son sagrados no seu tratamento, no seu coidado. A proba é que ata non hai moito (uns dous ou tres anos) forraba sempre todos os libros que lía; comprados, prestados, todos. Incluso aqueles que intuía que os acabaría de ler nun par de horas. Nunca me gustou velos sobados, sucios, engurrados. Eu tamén quero que cheguen coma novos a futuros lectores. Os libros, como son o cumio da sabedoría, hai que querelos, amalos, respectalos e coidalos.

Certo, agora non os forro porque (imaxino que moita culpa tena a idade) xa non teño esa paciencia de poñerme a elo. Pero podo prometer e prometo que os trato coma se foran fillos. Cando lía as novelas do Oeste (naquel intercambio que había delas), eu sei que o dependente as vendía coma novas. Porque coma novas llas devolvía.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 9 de setembro de 2021

 

2 comentarios: