domingo, 5 de septiembre de 2021

A GRAN TRADICIÓN

Se onte dicía que, para min, o Rosario das Antorchas empezaba xa pola mañá, ó levantarme da cama; hoxe teño que dicir que, para miña nai, o Día 8 empezaba un ou dous días antes. Porque como o Día 8 era un día tan especial, había que prepararse a conciencia. O de prepararse vai máis ben por aquilo de facer o xantar, xa que era tradición o de comer o día da Virxe por entre os piñeiros ou polos arredores do santuario (un ano, como chovía, lembro que xantamos no frontón cuberto que hai no pavillón do colexio novo). E un bo xantar, ou mellor dito aínda, un xantar especial para o Día 8 consistía en facer torradas e roscón. Sinalar que, as torradas, como levan leite e ovos, e, o roscón, como leva fariña, ovos e azucre eran case bocados moi especiais porque, antigamente, todo se vendía. Nós polo menos. Vendiamos o leite e os ovos, e os ingredientes que tiñamos que mercar, xa teño dito que nos eran prohibitivos; polo que certos manxares tan só os probabamos unha ou dúas veces ó ano.


Así é que, miña nai, un día ou dous antes, cocía o pan e preparaba o roscón no forno comunal, xunto coa Concha do Arsenio (sempre, sempre facían xuntas a fornada), e na casa amañaba as torradas e algún bocadiño especial máis (por exemplo, as chourizas, que se gardaban para certas ocasións; lembro algún ano bacallau, que iso xa era un milagre; os xamóns nin os cheirabamos porque se vendían). Ó mesmo tempo, tamén preparaba a roupa e o calzado, porque o Día 8 había que ir guapos.


E guapos iamos polo Medo arriba (tragando po, iso si) e coa comida nas alforxas do burro. Ó chegar, antes da misa, acaecía o concerto dos orneos dos demais burros, que sempre había moitos, e por alí quedaban atados ós piñeiros, mentres os humanos colliamos camiño da explanada para escoitar a misa das doce, a principal, e ver o espectáculo dos panos das mans bambeándose ó vento mentres se levaba a cabo a procesión coa imaxe da Virxe e, por suposto, cando os Padres Paúles a despedían ata o ano seguinte.


Xa no monte, tendiamos as mantas no chan, liberabamos as alforxas e celebrabamos unha das tradicións máis importantes e máis bonitas de todas as novenas: a de quedarse a xantar logo da misa. Hoxe, por desgraza, xa poucos quedan. Baixamos ás beiras dos ríos, ós toldos das comidas ou ós restaurantes da bisbarra. E alá quedan para o recordo estas lembranzas novenarias, que, para o ano que vén... a Virxe dos Milagres dirá.


Finca Fierro. Domingo, 5 de setembro de 2021

 

2 comentarios: