lunes, 20 de septiembre de 2021

SOÑO OU PESADELO?

Soñei que andaba perdido polas selvas do Orinoco e resulta que me encontrei paseando por entre os penedos da Cidade Encantada de Cuenca. Agora estou na Ponte das Cepas, en Baños de Molgas, contemplando o descorrer das augas do río Arnoia. Visto o visto, teño medo a que me vaia tirar desde tanta altura. A Ponte das Cepas de Baños de Molgas fálase de que anda sobre os 48 metros de altura. Moita altura de Cristo! (Teño que pescudar canto medía Xesucristo. Xa. Uns falan sobre 1,70. Normaliño). A ver, se me tiro desde a Ponte das Cepas ó mellor saio ben parado. Unha vez tireime desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas, a uns 30 metros, e non me pasou nada. Conseguín caer ben, incluso con certa elegancia, flexionando perfectamente as pernas e, rebotando, iso si, medio metro para o lado dereito. É certo que oín así coma un estralo no xeonllo esquerdo, pero debeu ser un tendón ou algo semellante que se queixou un pouco, pero nada máis. Lembro perfectamente que saín do atrio da igrexa aclamado polos veciños. Que iso é bonito, moi bonito.


Desde a Ponte das Cepas teño medo que o soño sexa real porque, a maiores da altura, está o propio río. Se non zoupo contra un penedo, máis seguro que afogue. Pois non sei nadar. Case é mellor que siga soñando que vexo alucinacións no deserto do Sáhara ou que me escondo detrás da porta dun cuarto de baño para observar o prohibido. Seguro que se verto augas menores desde a Ponte das Cepas libero os nervios deste soño que semella máis un pesadelo. Así é que vou mexar.


Café Brétema. A Valenzá. Domingo, 12 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario