domingo, 10 de octubre de 2021

A COMPRA DA PERLA NEGRA

Onte citei a Jack Sparrow no merendeiro das Mestras, na localidade de Baños de Molgas. Para iso pillara uns taquiños de xamón, unha ducia de roxóns e dúas chourizas. Para beber que bebese auga (ou ben do río Arnoia ou ben do río Sor), pois coa fama que ten de beber augardente e whisky calquera lle dá feito a servilo. Citeino ás cinco da tarde. Quen se presentou foi Johnny Depp e fíxoo tan só dous minutos máis tarde, que non está mal para a estrela que é. A min, sinceramente, dábame igual quen se presentase. Eu o único que quería era comprarlle a Perla Negra.


E así llo espetei ó personaxe e ó actor: “Quero comprar a Perla Negra”. Depp miroume estrañado. Que, non podo? Acaso Gregory Peck non quixo mercar Alasca en “O mundo nas súas mans”? Por que eu non podo mercar a Perla Negra? Non sei; faime ilusión ver a unha gaivota pousar sobre o seu mastro. Como sucar os mares de todo o planeta e os océanos do universo. Navegar na Perla Negra e coa Perla Negra ten que ser algo moi semellante a unha ascensión ós ceos, que carallo, como un orgasmo sexual. Navegar na Perla Negra un tipiño coma min que non sabe nadar, ten que ser como unha alucinación nas cores do arco da vella.


Non se fale máis; quero a Perla Negra para navegar deica unha illa deserta coa pirata dos meus soños: a marabillosa e divina Grace O´Malley.
E alí mesmo, enriba dunha mesa de pedra, Depp ou Sparrow, Sparrow ou Depp asinaron nun papel a venda da Perla Negra. Agora, a miña Perla Negra.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 28 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario