viernes, 22 de octubre de 2021

O CAMIÑO EQUIVOCADO

Non tardei dous minutos en saber que collera o camiño equivocado. Os heroes ás veces tamén erramos, tamén metemos os pés polas mangas. Tampouco é plan de ser infalibles diariamente ou sempre. Se fora sempre polo mesmo camiño teríao máis que mallado. De cando en vez é bo probar novas vías. Pero pola que collín, errei. Maldita sexa!


Non por iso me alterei. Aínda que son moi nervioso, moi inquedo, cando quero, ou sexa, cando me dá a gana, tamén son moi calmo. Son tal calmoso que o adxectivo colle o significado de indiferenza. É dicir, que me dá igual coller o mal camiño, pois tan axiña como asome outro, cólloo e xa está. Que aínda é peor? Optamos máis tarde por outro. Así ata que me perda pola tranquilidade da travesía. A min non me derrota así como así calquera atranco. Xa teño dito máis veces que os arrodeo, que os escalo ou que os salto.

Errar na escolla dun camiño tamén é bo. Serve de experiencia para outras ocasións. Díxose sempre que a base de paus apréndese. Eu de paus sei moito. Porque mos deron, non porque os dese. Pódese dicir que estou encalecido, que teño o lombo cheo de experiencias, con marcas do pasado e con esperanzas de futuro. O meu futuro seino ben: que se tardei dous minutos en errar co camiño escollido, ós seguintes dous minutos xa transitarei por outra senda. Desta aínda non podo falar. Entón, mentres, seguirei camiñando por ela e a ver que acontece.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 11 de outubro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario