domingo, 17 de octubre de 2021

O INSTANTE QUE ANIÑOU NO SILENCIO

Ela botouse a andar cara ó infinito e máis alá. El quedou cos ollos tristeiros e vendo como ela se perdía na distancia e quizais no tempo. El quixo berrar pero non lle saía o berro. Optou por ir detrás dela. Ela mirou para atrás e, ó velo, acelerou o paso, coma se fuxira de certos sentimentos. El quixo asubiarlle pero tremíanlle tanto os dedos que non conseguiu introducilos na boca. El axiña notou que polas súas meixelas baixaban unhas pingas de orballo. Ela botou a correr. Non quería sentir pena por el.


Entón si, entón cando viu que ela se afastaba cada vez máis, foi cando a el lle saíu o berro. E todo quedou en silencio. O desgarro foi tal que semellaba que se acababa o mundo, ou que rebentaba o tempo. Ela freou en seco, sentou e escondeu a cara entre as mans. Ese instante aniñou no silencio. El, cando a viu, tamén freou en seco. Quixo sorrir pero saíulle un xesto tan pobre e tan melancólico que decidiu pegar media volta e deixala en paz. Foise contraendo as entrañas, arrastrando as penas e berrando en silencio para si mesmo.

Agora foi ela a que quedou desarmada, a que non sabía que facer, como actuar. Ergueu e colocouse con dirección ó infinito e máis alá. Só conseguiu dar tres pasos. Volveuse e foi ela a que berrou agora e a que asubiou e a que se botou a correr. Cando o alcanzou, cando chegou á altura del colleulle unha man e apertoulla con forza e, ó mesmo tempo, con moito agarimo. A el caéronlle emotivas pingas de orballo. Camiñaron en silencio. Xuntos. Ela e el. El e ela.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 5 de outubro de 2021

 

2 comentarios: