lunes, 11 de octubre de 2021

PERDIDO POLO DESERTO

Definitivamente, non regulo ben. Quero contemplar as augas do río Arnoia ó seu paso por Baños de Molgas e resulta que ando perdido polo deserto. Creo que é o do Sáhara. Que se me perdeu a min no deserto! Se hai un sol que aplana! Son as seis e cuarto da tarde e o sol abrasa de tal maneira que se pillo os ovos dunha avestruz fago unha tortilla de campionato. Hai avestruces no deserto? Nese deserto ou nun deserto calquera?


Como teño que saír dese inferno, póñome ó camiño. A un camiño que non é tal. Simplemente tiro para adiante. A algún lugar chegarei, digo eu. E dáme igual que sexa Mauritania coma Suráfrica. Para matar a sede imaxino que goldro o río Arnoia á altura da Pitediña. Tamén se me dá por pensar que a auga da burga de Baños de Molgas, aínda que saia quente, cortarame a sede. Pois de todos é sabido xa que é unha auga milagreira.

Ós dous ou tres quilómetros atopeime cun oasis e cando deixaba escapar un enorme sorriso vin que realmente era a selva amazónica. Non teño remedio. O meu entendemento mestura ansias con remansos, desexos con apatías, areas con pingas de orballo e silencios con ruídos. A ver se é que eu non sei pensar ben. Ó mellor teño que pousar a conciencia sobre a almofada dos soños. Ou ó revés, as fantasías sobre a intelixencia real. Haberá intelixencia ficticia? Aniñará en algún valado? Durmirá no campanario da igrexa do san Salvador? Sigo andando polo deserto á caza dos crocodilos amazónicos. O mundo é raro. A miña vida é estraña.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 29 de setembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario