sábado, 9 de octubre de 2021

NIN RACISTAS NIN INTERESADOS

A maioría da xente pon a caer dun burro ós inmigrantes porque din que lles veñen a quitar o traballo. Que traballo? Non lles queda outra que coller o traballo que nós non queremos. Por certo, eu sempre lles botarei máis a culpa ós empresarios que ós inmigrantes. Estes búscanse a vida e aqueles... coma voitres buscando man de obra barata. Ás veces é tan barata que se pode moi ben dicir que lle sae gratis. En La Seca, localidade e concello de Valladolid, detiveron a tres malnacidos por escravizar a inmigrantes na vendima. Resulta que seica os facían traballar dezaseis horas e sen practicamente salario. A ver que españoliño se apunta a esas labores e nesas condicións.


Ademais, sempre me causou moita carraxe esa xenreira, ese odio que destilamos cara ós inmigrantes, porque nós (os españois), precisamente nós (os galegos) sempre fomos, somos e imaxino que seguiremos sendo un país emigrante. Despois, mirade como somos, que tamén noto a diferenza entre un inmigrante latinoamericano, por exemplo, e un africano. Esa xenreira e ese odio só se dirixe ós africanos. Por que?; se uns e outros son o mesmo. O que me fai intuír que aquí tamén entra o racismo. Si, xa sei que o español non é racista, nunca foi racista. Que va! O racismo só existe nos Estados Unidos de América.


Nin somos racistas nin somos interesados. Seguro que o alcalde de Agolada (Pontevedra) tan só quixo gastar unha broma ó solicitar un pleno para fixar como festivo local o día que ganou as eleccións. Nada interesado. E como non lle chega coa poltrona que ten, imaxino que para outro pleno pedirá o nome dunha rúa ou dunha praza, e así ata que se proclame santo e mártir por todo o que se sacrificou polo seu concello. Hai noticias que deixan a un medio pampo. Que digo!; pampo enteiro. Sinceramente, cando lin esta mirei arriba, no xornal, a data, por se era o 28 de decembro. Pero non, era de hai tres ou catro días. O que demostra que, aquí, neste gran noso país, o que non chora non mama. Ó final seica botou atrás a súa propia solicitude, pero xa sabedes aquilo de que “o que a segue, conséguea”. E se non foi nese pleno, noutro será. E se non acadou a súa festividade, seguro que algunha rúa ou praza ou aínda que só sexa unha canella, ó final conseguirá algo... que para iso é o alcalde, o gran alcalde que merece todo o recoñecemento dos seus veciños. Como dicía aquel: vivir para ver.


Finca Fierro. Sábado, 9 de outubro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario