viernes, 15 de octubre de 2021

SORPRESA MAIÚSCULA

Vin a rula pousada na varanda do balcón. Pero a miña sorpresa foi maiúscula cando, xusto ó pasar por debaixo dela, empezou a piar con insistencia e con moita forza. E tardei un cacho en comprender (perdón, porque sempre fun algo de efecto retardado) que se dirixía a min. Sóubeno porque non había ninguén máis por esa rúa, pouco transitada en por si, e porque entendín ás mil marabillas. Entendía a súa linguaxe! Estaba a dicirme: “mírame, mírame”. Eu mirei e, a condenada, era bonita, era guapa. Aínda que eu, nese momento, estaba máis asombrado por entendela que pola súa fermosura. “Sube, sube”, seguía a dicirme. Ai que demo de rula, como vou subir! Só es un paxaro. “Pero son un paxaro guapo, verdade?”. Eu, coa boca aberta, admitíalle que si.


Axiña me puxen a pensar se entendería tan só a esa rula ou se conseguiría entender tamén a outros animais. Nin tiven tempo de pescudar niso, porque foi a propia rula a que, léndome o pensamento (condenada!), me dixo que tan só podía falar con ela; como ela tan só podía falar comigo. Eu xa empezaba a suar. Non sei se pola emoción ou de angustia, pero suaba. Nunca me vira noutra. É máis, creo que ninguén se vería nesa situación: a de falar e entender a linguaxe dun animal, desa rula. Que carallo, pouco a pouco afíxenme á sorpresa e púxenme de parola con ela durante un bo cacho. Claro que todo isto non o podo contar. Ninguén me crería.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 4 de outubro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario