martes, 19 de octubre de 2021

ANDAINA POLA CONTORNA

Hoxe realicei unha andaina pola contorna da miña casa. Porque sabedes que me gusta saír, non sexa o demo que me caia a casa encima. Ós poucos metros atopeime cun lagarto, que me mirou co pescozo medio revirado, e xusto cando lle ía falar, fuxiu coma can con vincha ó rabo ou marchou coma o peido do cu, que é o mesmo, claro. Que parviño, eu só quería falar con el. Sempre me gustou falar cos animais. Por falar ata moitas veces falo só. E por que non vou facelo? É bonito falar con calquera, incluso cun mesmo. Xa digo, adoito facelo.


Sigo coa andaina. Tampouco tardei en me atopar cunha silva que se me enganchou. Con esta, como non era un animal, non quixen falar, pero canteille ben cantadas as corenta coa vara que levaba para apoiarme. Porque un, aínda que non queira, xa de cando en vez ten que botar man de certo apoio, de certa axuda para facer máis amena a andaina. Botei man dun caxato que trouxera alá de Asturias, de cando realizara a ruta do Cares. Unha ruta moi pero que moi recomendable. Máis que a que estou a realizar, por certo.

Na andaina tamén pasei por debaixo dun balcón e, ó mirar para arriba, vin a unha muller que me sorría. Enchéuseme o peito de melancolía e bombeou o corazón con forza. Porque eu non coñecía á muller de nada. As andainas é o que teñen... que valen para un roto e tamén para un descosido. Pensas que estás só neste mundo, e non... animais, silvas, mulleres, pensamentos, e non sigo porque as andainas dan para moito.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 7 de outubro de 2021

 

2 comentarios: