jueves, 14 de octubre de 2021

O LAPSO DUN PASMÓN

Non sei quen me dixo un día que a meta estaba na fin do camiño. Quedei pampo. Porque eu non estaba a correr, non emprendera ningún camiño, polo que me daba igual o principio que a fin. Eu estaba sentado! Non sei a que se refería coa meta. Que é a meta? Un obxectivo? Un punto? Un lugar? Un premio? Eu non quero correr, nin andar, nin ir a ningún lugar; só quedar de pasmón e que ninguén me moleste. Iso, iso é a miña meta: a de vivir tranquilo, en silencio e sen depender de ninguén.


Ese mesmo individuo tamén me dixo outro día que a saída estaba no principio do camiño. Da sorpresa fun pasando á carraxe. Porque empezaba a amolarme o tipiño. Xa que eu seguía quieto, sentado e sen intención de moverme. Agora que penso... o paspán igual non é tan parvo. Ó mellor díxome todo iso para que me movera, para que actuara, para que deixara de ser un espantallo. Sei que se me movo vou a poñerme de espantallo igual ante un escaparate, ante unha galería, ante un balcón ou ante un espello para ver precisamente a miña realidade. Será esa a auténtica meta?, a de ver o reflexo dun espírito inerme ou dun espírito sen sangue? Seguro que coa miña ansiedade encho o espello de bafo. Ansiedade de que? De ser un cero á esquerda? De ser un verso solto? Que incongruencia, se nin tan sequera sei o que é un poema. Poesía es ti, din. Que bonito! Poesía pode ser ese camiño? Imposible!; se non hai nin principio nin final. Non hai meta. Tal meta tan só foi o lapso dun pasmón.


Café Acordes. A Valenzá. Domingo, 3 de outubro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario