domingo, 24 de octubre de 2021

O CONFERENCIANTE SUICIDA

Olegario Somoza tombouse no medio da estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres e xusto tamén no medio e medio da ponte das Cabras. Tombouse coa intención de parar o tráfico porque ninguén lle fixera caso cando quixo explicar a evolución do racismo no Estado de Alabama, nos Estados Unidos de América, durante o período galáctico de cando os planetas deixaron de rotar. Algúns oíntes incluso lle asubiaron cando ía na metade do discurso. Aquilo doeulle tanto que optou por unha protesta única e, iso si, algo esperpéntica. O de esperpento vén porque se foi tombar xusto nunha estrada pola que non pasa case ningún coche. Eu creo que Olegario Somoza sabía sobre tal situación, sobre tal defecto. Máis tarde confesaríame que non se tendera na autovía que pasa por Allariz porque sabía que máis tarde ou máis cedo algún coche o esmagaría, o rebentaría. E el, no fondo, non quería morrer.


Pero mentres estivo tombado na ponte das Cabras, déuselle por pensar na seguinte conferencia, a ver se lle facían máis caso. Versaría sobre o fluír dunha flor de toxo no medio e medio dun incendio forestal. Incendio, por suposto, provocado por el mesmo. E se por un casual non lle facían tampouco caso, pensaba colgarse dos pés, é dicir, cabeza abaixo, desde a ponte das Cepas, a do ferrocarril. Olegario Somoza cando intuíu que alí, na ponte das Cabras, non provocaría nada (intuíno axiña e non esperou moito, por se aquel), optou por erguer, botar a andar cara á Baños de Molgas e esbardallou contra os que lle asubiaron.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 13 de outubro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario