sábado, 30 de octubre de 2021

A RIMA DUN TEMPO QUE FOI

El meteuse pola rúa do medio. Levaba a ollada perdida e arrastraba uns versos que escribira nas noites de silencio. Os versos nin tan sequera formaban un poema. Eran máis ben pareados que rimaban sobre a nostalxia. El, cando chegou á altura duns edificios que había á súa dereita, ergueu a súa mirada melancólica e mirou para os faiados. Meteu dous dedos na boca e asubiou. Asubiou con forza, sen importarlle o escándalo que podía formar. Era igual. Estaba só nesa rúa pequena e solitaria.


Ó pouco oíu o ruído dunha persiana, abriuse unha ventá e apareceu ela. El deixou escapar un sorriso enorme, melancólico, amoroso. Ela saudouno coa man. A distancia non era inmensa, pero si suficientemente afastada para poder comunicarse só coas mans ou brazos. Incluso os xestos non procedían. Non obstante, el confiou en que ela notase o brillo nos seus ollos. Porque lle brillaban. Pola emoción, por contemplala, por sentila cerca aínda que estivera lonxe. Ó mellor era por amor.

Ela seguía facéndolle xestos cos brazos. El seguía a derreterse e citando pareados para completar o poema. Podía intentar compoñer unha viaxe polos recantos da memoria ou polos carreiros do pasado. Tamén podía pensar que ela era a rima dun tempo que foi... bonito, morriñoso, eterno, aínda que agora a distancia fose un atranco no pareado. Pero el sempre tivo perspectiva de futuro. Con ela. Co seu poema. Porque din que o amor é poesía. El díxolle adeus coa man. Ela respondeu igual. A el apagóuselle o brillo dos ollos. E seguiu camiñando coa ollada perdida e arrastrando os versos.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 22 de outubro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario