sábado, 23 de octubre de 2021

AS DESGRAZAS NUNCA VEÑEN SOAS

O día 4 deste mesmo mes e neste mesmo Recuncho falaba do espectáculo do volcán da Palma. Agora toca falar das súas consecuencias. Porque o volcán é certo que segue a ser fermoso, pero esa fermosura vólvese contra si mesma, xa que ante as desgrazas que vai deixando o seu paso esa lava que cuspe polas súas bocas, calquera ser humano con dous dedos de fronte empeza a cansarse e incluso a odiar tanta fermosura asasina. Como se adoita dicir coa auga, co lume e que vento: por onde pasa, arrasa. E o volcán da Palma deixa tras de si outro espectáculo: o horrible. Porque vai arrasando casas que, dito así, semella que non é para tanto, pois imaxinamos que o Estado botará man desa xentiña. Pero por moita man que lle bote, por exemplo, dándolle facilidades para unha nova vivenda, o resto, que? A esa xente que o perdeu todo non creo que haxa axudas coas que os recompensen como é debido. Porque perderon todo ou practicamente todo. E sen comentar para nada a relación sentimental con tal ou cal lugar. Esta relación haina, existe. O lugar no que naciches, no que viviches, no que riches, no que sufriches está sempre nun, e cando se perde sentes tanta dor e tanta pena coma se fora un familiar. Ese lugar sempre foi teu. O puto volcán é bonito, pero canto mal está facendo. E crucemos os dedos para que non haxa desgrazas humanas.


Como as desgrazas nunca veñen soas (díxose sempre), ós da Palma, ós canarios e ós peninsulares tamén se lles está a botar un novo infortunio encima: a de pagar peaxe polo uso das autovías. Eramos poucos e pariu a avoa. Logo de pagar todos os impostos habidos e por haber por facer uso dun coche, que, hoxe, non é un artigo de luxo, senón unha auténtica necesidade, agora métennos outro imposto máis. Imaxino que a escusa será a típica do custo de mantemento que implican esas estradas. Entendo que si existe tal custo, pero para recadar hai moitas outras maneiras sen lle tocar os petos ó cidadán de a pé. Mirade que digo de a pé. Porque si lle poden tocar nos petos a eses famosos soldos vitalicios de moitos políticos ou personalidades. Ou esas esaxeradas axudas de custo que lles dan a eses mesmos por trasladarse a tal ou cal lugar, incluso a aqueles que teñen vivenda neses lugares. E non me meto xa co que nos está custando a Casa Real, aínda que acabe de lanzar a indirecta. Se se quere hai moitas outras formas de recadar, e non meténdose cos máis febles, que son os que realmente usan as autovías.



Finca Fierro. Sábado, 23 de outubro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario