miércoles, 27 de octubre de 2021

A FOLLA DUN CADERNO

Son a folla que alguén me arrincou dun caderno vermello. O malnacido nin se esforzou en engurrarme e tiroume toda lisa e enteiriña ó chan, para que agora alguén me pise ou para que un coche pase por riba de min e me borre todas as letras. Porque estou escrita. Non por completo, pero case (sempre hai un case para todo). Aínda non tiven tempo de lerme. E non sei se o conseguirei... porque un refacho de vento acaba de mandarme á estrada. Non sei canto tempo estarei sen que me esmaguen as rodas dalgún ou dalgúns coches. E, si, sinceramente teño medo a que se me borren as letras; aínda sen saber o que levo escrito. Ó mellor é algo bonito. Tamén pode ser unha crítica destrutiva ou fedorenta. Vai ti saber; hainos que escriben por escribir.


Sinto moita pena porque vexo un camión ó lonxe. Este seguro que non consegue esquivarme. Non sei se empece a preparar xa a miña propia necrolóxica. Que carraxe, non saber o que levo escrito. Mira que se é unha carta de amor. Iso seguro que non. Agora iso xa non se estila. Outro refacho de vento mandoume agora á beira dun sumidoiro. Ale, carallo; que será peor, caer no sumidoiro ou morrer esmagada polas rodas do camión. Aínda que, agora, deste creo que libro. Pero que non haxa máis vento, por Deus, que xa me vexo nas cloacas e, aí, si que xa se me borraría todo. E acabaría rompendo. Que alguén se achegue, por Deus, que me colla con agarimo e que me garde nun bolso ou no peto dun pantalón. Dáme que levo escrito algo bonito.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 15 de outubro de 2021

 

2 comentarios: