lunes, 25 de octubre de 2021

A XUSTIZA DA GALICIA PROFUNDA

Que forte! O meu pasmo foi tal que non me quedou outra que lerlle a noticia en voz alta á muller, alí, no medio da cafetaría, para probarme a min mesmo de que era una nova real. Si, agora xa é famosa esa noticia, a da Galicia Profunda. A desa xuíza de Marbella que lle retira a unha muller a custodia da súa filla porque vive na Galicia profunda. Esa señora (por chamarlle dalgunha maneira) responde ó nome de María Belén Ureña Carazo (moi semellante a carallo, aí pode estar o aquel da cuestión). Pois ben, eu sinceramente non racharía as vestiduras; simplemente invitaría a esa señora para que visitase a Galicia profunda. Así podería comprobar in situ como nós impartimos xustiza saíndo cos fouciños ós camiños para cortar garneatos e cos sachos en bandoleira para rebentar cabezas.


Na Galicia profunda educamos ós nenos arrincándolles as patas os saltóns e capando os grilos. Ó fútbol xogamos cun repolo, ó golf cuns bugallos de carballo e ó baloncesto lanzando pedras nos niños dos paxariños. Os da Galicia profunda cargamos a educación ás costas para tirala por un barranco abaixo ou para afogala nas augas de, por exemplo, o río Arnoia. Na Galicia profunda collemos a xustiza pola man, na que levamos unha fouce ou unha gadaña e bicamos nas pegadas que deixan os da Santa Compaña.

Agora, o Consello Xeral do Poder Xudicial debería trasladar a esa pasmona á Galicia profunda para que vise realmente como somos. Pero ese Consello cruzarase de brazos, como é norma xeral neste noso país esperpéntico, e seguiremos aguantando a personaxes que non valen un simple esgarro dun pequeno catarro. Aquí é xuíz e político calquera.


Finca Fierro. Luns, 25 de outubro de 2021

 

2 comentarios: