domingo, 21 de noviembre de 2021

A SOLUCIÓN

Xa está. Xa rematei o que estaba facendo. A verdade é que non estaba a facer gran cousa. Simplemente contemplando o universo. Aínda que outros dirían que estaría pensando nos biosbardos. É igual; o caso é que deixo de facer o que estaba facendo e póñome a andar. Para seguir pensando nos biosbardos? Que va! Para percorrer camiño. Xa dicía aquel que “camiñante, non hai camiño, faise camiño ó andar”. Eu ando, pero, tamén, sinceramente, non sei para onde vou. Tampouco me importa. A min non me importa facer ou desfacer, pensar ou non pensar, andar ou non andar. Eu son de poucas opcións. Non sei quen me dixo un día que eu que me conformaba con pouco. A ver, é que tamén sei que o que moito abarca, pouco aperta. Ó mellor é que quero abarcar todo un mundo. Tamén é certo que me conformo con tan só un recantiño. Verdade que é bonito un recantiño de felicidade? Ás veces vale máis un sorriso que unha gargallada continua, unha lagoa que un mar, un bosque que un deserto.


Sigo camiñando. E sigo sen saber para onde vou. E que? Cando me cadre podo sentar ou botar a correr ou choutar ou quedarme como unha estatua... Si sei que, sexa da forma que sexa, eu seguirei pensando, pero non nos biosbardos, senón nesa sombra que me acompaña sempre ou nese bafo de cariño que deixan certas palabras cando o ánimo anda de canga baixa, amoucado. Non sempre un consegue bailar sobre a soleira dunha ventá. Penso nun faiado ó que lle dea o sol e soño con que aí pode estar a solución. A solución de saber o que realmente podo facer.


Finca Fierro. Domingo, 21 de novembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario