lunes, 29 de noviembre de 2021

O BANDULLO CHEO DE PALABRAS

Teño o bandullo cheo de palabras que caeron de certos (ou de varios) recordos. Porque hai recordos ós que lles sobran palabras, mesmo ós que non queremos que lles sobren. Como tamén os hai ós que lles faltan algunhas. Pero estes agora non proceden. Porque os recordos foron xa o que foron e non hai volta de folla.


Comerse palabras tampouco é raro. Comémolas sen darnos conta e comémolas deliberadamente. Hai palabras que teñen sabor a nata e a licor, sabor doce e amargo. As palabras con sabor doce érguennos a moral e a estima, a consideración, o cariño. As de sabor amargo fannos devolver, vomitar. Eu, hoxe, teño o bandullo cheo coas de todos os ricos sabores, incluso algunha que outra que amarga, pero que case non se nota grazas á forte mestura dos outros sabores.

Cando atopo algunha palabra aceda, con disimulo, tamén a remoio, tamén a mastigo, para lembrar, así mesmo, aquel caldo acedo que, de cando en vez, había que comer igual. Porque non se podía tirar. E non morrín. Tampouco as palabras podres matan. Poden mancar e apestar, pero non matan. Son peores aquelas que van de xenuínas, de auténticas, de sibaritas, pero que máis cedo ou máis tarde revólvenche o estómago. Menos mal que o meu bandullo sempre aguantou o que lle metín. O día que non quixo aguantar máis cortáronlle un cacho e aquí sigo, comendo e tragando palabras de orballo, palabras de amor, palabras de esperanza, palabras barrentas, mesmo palabras falsas. Porque os recordos, todos os recordos teñen algo de todo.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 29 de novembro de 2021

 

2 comentarios:

  1. Falando de bandullos....estamos en tempos de matanza...eos tales lavávannos as solteiras. Non se che olvide. Non ven ó caso cas palabras pero...jijijijiji

    ResponderEliminar