domingo, 21 de noviembre de 2021

DE QUEN É A CULPA?

O outro día, o xoves pasado, se non erro, houbo unha gran manifestación en Ourense en contra do seu alcalde, de Gonzalo Pérez Jácome. Quizais máis en concreto, en contra da súa xestión. Pertenzo a Barbadás e quizais non debería opinar moito, pero polo que leo, polo que escoito e por el mesmo (de cando en vez ó facer zapping pola televisión atópome coa súa Auria TV e, claro, ás veces véxoo en plenos e en roldas de prensa, falando, e recoñezo que... que non é santo da miña devoción), non me estraña o da súa mala xestión. Principalmente cultural, iso si. Non obstante, vou confesar que tanta crítica xa me pon algo nervioso, e non porque non a mereza, que xa digo que si, senón porque se é un señor que goberna en minoría, como pode facer e desfacer ante unha maioría? Por que esa maioría o deixa?


É certo, todos sabemos máis ou menos o por que. Porque queren apoltronarse todos e xa se sabe aquilo de “uns por outros e a casa sen varrer”, que é o mesmo que un polo outro e o traballo sen facer. O traballo de botalo, claro. E mentres, a cidade nunha caída que semella que non ten fin. Ninguén é capaz de abrir un paracaídas nin de xuntar forzas para apuntalar a deterioración. Despois, iso si, váisenos a forza toda pola boca. Coma sempre.

Sigo dicindo, por suposto, que a mellor manifestación é a que se celebra nas urnas. E que antes de votar deberíase pensar un chisquiño máis, e non deixarse influenciar por promesas que, co tempo, sabemos que non se cumprirán. Non entendo que unha persoa, que practicamente chegou a estar soa e que seica o estar a facer rematadamente mal, siga aí. De quen é a culpa?


Cambiando de asunto. De quen é a culpa que non se obrigue a vacinarse contra a Covid-19? Se este virus é letal contra a saúde pública, por que os Gobernos non forzan a obriga de vacinarse? Se nos obrigan a usar o cinto de seguridade nun coche, por exemplo, porque é un risco contra a saúde, por que non poden obrigar a que a xente se vacine para preservar a nosa propia saúde e a dos demais? E sabendo como se sabe que a vacina é a solución. Por iso é que, bravo para Austria, que creo que vai ser a primeira en obrigar á xente a vacinarse.


Finca Fierro. Sábado, 20 de novembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario