miércoles, 10 de noviembre de 2021

A TATUAXE DA RUBIA PLATINO

Ábrense os beizos nun sorriso cada vez que penso na curiosidade (cariñosa) da xente. Remataba o meu relato do “caso da rubia platino” falando de que “debaixo do seu peito esquerdo figuraba unha tatuaxe na que todo estaba escrito, na que todo estaba resumido”. Non tardaron en aparecer os comentarios que moi ben se poden resumir nun: que se quedaran coas ganas de saber que dicía, que puña tal tatuaxe. Eu intentaba e intento salvar a situación coa onomatopea da risa.


Porque un investigador privado (e aínda por encima principiante, como era o meu caso) ten que reservar certos detalles ou certas fontes. Se pregoa todo o seu traballo, que clientes confiarían entón nel? Ademais, todos sabemos que o misterio, o suspense é o máximo da intensidade anímica de moitos seres humanos. E como ese misterio se desenvolvía, para máis aquel, ó final de todo, pois mel nas filloas. Tamén se pode ver ou analizar como unha continuación, como esas películas nas que saen escenas que case prometen unha segunda parte. Non vedes, grazas a ese suspense, tamén hai unha segunda parte do relato.

De todas formas, que importa o que dicía? Ó mellor ata podía ser unha palabra descoñecida ou unha pequena frase sen sentido. O relato tiña que rematar así, e punto. Lembrade o final da película “Thelma e Louise”, un dos mellores de toda a historia cinematográfica. O meu do relato non pasará á historia da escritura barata, como é a miña; pero as súas curiosidades si as tivo. Que xa non é pouco.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 10 de novembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario