lunes, 29 de noviembre de 2021

ARS MEDICA

Cando me convertín nun asiduo lector da biblioteca de Baños de Molgas chegou un momento no que tiven que pillar libros de a feito. Porque todo o que máis ou menos pensaba que me gustaba xa o lera, así como tamén os libros máis voluminosos, para que me durasen. Cheguei a ler libros de agricultura, de filosofía, mesmo creo que de química (que nunca me gustaron as ciencias), pero non lembro ler de medicina. Esta é unha materia que só que sexa polos nomes das súas enfermidades, fármacos ou tratamentos, hai que recoñecer que tira para atrás.


Non obstante, hai uns días asistín á presentación dun libro de medicina, “Ars medica”, nunha céntrica libraría da cidade das burgas. Sinceramente, fun á presentación porque o autor era amigo e porque a súa muller era veciña de Baños de Molgas. Esta amizade e esta veciñanza foi a causante de que me agasallaran cun exemplar, dedicado, faltaría máis. Que lin, por suposto. E que a pesar de que a medicina, en xeral, e a dermatoloxía, en particular... pois o que dicía ó principio, ó final acaboume gustando. Non o digo por cumprir. A proba é que a primeira parte do libro (está dividido en seis partes) confeso que me custou bastante o lela. Pero xa cando Jesús Bastida, o autor, optou por falar máis da relación médico-paciente, a base de casos e de anécdotas, aí xa mesmo se volveu moi amena a lectura. Ó final, “Ars medica” amosoume que aí hai moitos anos de experiencia e que a relación física de médico e paciente é esencial en toda a medicina e creo que con maior motivo na especialidade da dermatoloxía. Libro bonito e recomendable.


Finca Fierro. Domingo, 28 de novembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario