domingo, 14 de noviembre de 2021

OULEANDO E CANTANDO

Quixéronme atacar os lobos, pero eu ouleei moito máis ca eles. Asusteinos. E marcharon co rabo entre as pernas. Metéronse por entre os piñeiros e polas valgadas dos Castros. Eu, e para asustalos aínda máis, ouleei máis forte e fixen que botaba a correr. Perdían o cu! Mais como lle collera gusto a oulear, pois déuseme por, máis que cantar, berrar unha canción de Camilo Sesto. Aínda que, ó mellor, igual era de Melendi. A verdade é que non sei moi ben. Si sei que tiveron que escoitarme en Trelle, en Santo Tomé, en Ramiras e mesmo na Seara.


Cando rematei a canción caín na conta de que era da miña propia colleita, é dicir, que fun inventando o tema musical, se é que se lle podía chamar desta maneira. Falaba de non sei que e non sei canto, pero algo dicía. Seguro que os desas aldeas que nomeei me entenderon perfectamente. Que non sei que do heroísmo ante os lobos. Que non sei canto de certos sentimentos espallados polo monte abaixo. Que non sei que dun crebacabezas colgado nunha parede e dun pixama veludo. Que non sei canto do rabo entre as pernas (os dos lobos, moito coidadiño con certos pensamentos retorcidos).

Cando notei que estaba a piques de esgazar a gorxa, pensei na miña nai, a cal, a pobre, sempre me dicía: “ai, neno, que mal cantas”. Así é que deixei de cantar. Pero claro, ante o silencio, volveron asomar os putos lobos! Tiven que botar quince minutos ouleando. Agora, sinceramente, estou algo cansado. Descanso.


Café A Pedreira. A Valenzá. Domingo, 14 de novembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario