jueves, 11 de noviembre de 2021

SEIS PALABRAS CON TRES PUNTOS SUSPENSIVOS

Escribín os carteis eu só. Coa miña letra. Non quería deixar pegada. Escribín centos deles e, ás ducias, metíaos nunha mochila para distribuílos por todos os lugares habidos e por haber. Pegueinos en contedores de lixo, papeleiras, marquesiñas e escaparates. Craveinos con puntas (nada de grampas) en portas das palleiras, en carballos, amieiros e castiñeiros; nas fiestras dos cortellos e mesmo nos pinallos dos carros; e, faltaría máis, na porta da caseta da burga. Subín a campanarios de igrexas e a tellados de casas con varios andares para esparexelos, para espallalos polo aire.


Como non quería deixar pegada, tiven que facer todo iso entre lusco e fusco de toda unha semana. Eu, despois, polo día, pasaba con disimulo por eses mesmos lugares para ver a reacción da xente ante a súa lectura. Vin xestos de todos os gustos e comentarios de todas as cores, algún ata subido de ton; aínda que a maioría eran de estrañeza. Vin como se arqueaban cellas, como se soltaban gargalladas, como se abrían sorrisos e como certos insultos choutaban ó aire cunha certa carraxe.

Eu, mentres tanto, sorría e gozaba incluso ante esas reaccións. A frase que escribira era pequena pero aguda. Estraña?; non sei. Rara?; depende. Esperpéntica?; vai ti saber. Tan só seis palabras que revolucionaron un pouco ou un moito o galiñeiro. Seis palabras con tres puntos suspensivos escritos a man. Centos de carteis que distribuín e que aínda me quedaban por repartir. Achegueime a un que deixara espetado nun carballo: “nin subo nin baixo... estou quieto”. Agora cada quen que esbardalle o que queira.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 11 de novembro de 2021

Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 11 de novembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario