martes, 16 de noviembre de 2021

BUSCANDO PALABRAS QUE ESCAPARON

Collín o coche e marchei. Marchei buscar as palabras que se me escaparan nun momento dado. Ás veces hai palabras que se senten prisioneiras dentro dun feixe e fan o imposible por desatarse. Cando o conseguen, marchan. Pero adoitan ser palabras que se necesitan, que as necesito. Para pousalas, logo, con agarimo á beira duns sentimentos. Aínda que, pola contra, tamén hai palabras para que sosteñan a carraxe que, ás veces, se apodera dun. E como hai que vivir co malo e co bo, necesito esas palabras. Por iso marcho a buscalas.


Recoñezo que custa, moitas veces, atopalas. Porque, unhas, acochan entre as silveiras dos pesadelos (por iso rabuñan tanto); outras, porque se deixan caer con toda a súa retranca para que tropece e afociñe con elas; unhas cantas máis forman valados que, se os cruzo, é con moito esforzo. Tamén as hai desas que parecen bañadas de indiferenza, que, nun principio, penso que tanto dá o perdelas, pero despois, á hora da verdade, son as que máis necesarias se fan para formar esa idea, esa expresión, ese parecer, ese conto, esa novela; en resumo, ese final feliz.

Así é que, como todas, como absolutamente todas, son necesarias para todo e para todos (para min, moito máis), saín co coche como unha frecha a buscalas. E, si, pouco a pouco, paso a paso, atranco tras atranco conseguín xuntalas. Volvín contento para a casa e, ó deitarme, funas xunguindo neses soños que están cheos de sentimentos; ou neses sentimentos que están cheos de soños. Aquí as deixo.


Finca Fierro. Martes, 16 de novembro de 2021

 

2 comentarios: