viernes, 12 de noviembre de 2021

O GARDACOSTAS DO SAPOCONCHO

Son o gardacostas da tartaruga que hai no xardín de Eusebio Lacoste Soleo, O Mamarracho. O día que me propuxeron este traballo mirei moitas veces para todos os recantos da parcela por se había algunha desas famosas cámaras ocultas, ó mesmo tempo que comentaba se era broma o asunto ou se estaban a falar en serio. Aurelia Castiñeira Pardal, A Mamarracha, que era, por suposto, a muller do Eusebio, era a que levaba a voz cantante do matrimonio e da maneira en que me dixo que de broma nada, non me quedou outra que aceptar ser o escolta do sapoconcho. Cheguei a pensar se sería para que coidase ben ó animaliño, coa perspectiva de ensinarllo en calquera momento a algún neno, pero dándose a circunstancia de que Os Mamarrachos non tiñan fillos.


Pero ante o ton da señora, non dixen nada máis. Optei por non quitarlle ollo á tartaruga. Mais non había hora ou día no que non pensase no esperpento dese traballo. Cheguei incluso a pensar que para ser escolta dunha tartaruga, ben puideron contratar a unha persoa obesa, por aquilo de que non suaría a gota gorda correndo detrás do sapoconcho. Eu, sendo delgadiño como son, sabía ben que non botaría os fígados cando ó sapoconcho se lle dese por fuxir; que, por suposto, isto era unha incongruencia, pois como ía fuxir o infeliz, se lle levaría unha eternidade chegar deica a marxe da parcela. Agora que non tardei en deixar de facer traballar a miña cabeza; eu vivía coma Deus, non lle quitaba ollo ó sapoconcho, mesmo parolaba de cando en vez con el e, ó final, maldita sexa, ata cheguei a collerlle cariño. Espero seguir sendo por moitos anos o seu gardacostas.


Finca Fierro. Venres, 12 de novembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario