martes, 9 de noviembre de 2021

EN MOVEMENTO

Cansei de estar cansado, aburrido e de paspán. Púxenme en movemento. Coma se me meteran electricidade. Levo xa tres días seguidos que non paro. Nin tan sequera para comer. Nin tan sequera para durmir. A verdade é que nin tan sequera sei onde estou nin por onde ando nin a onde vou. Pero dáme igual; o caso é non parar. Mesmo nin paro nas incongruencias, pois corro por onde hai que ir amodiño e vou a paso de tartaruga ou de sapoconcho por onde teño que correr máis que un tren. Cando quero son rápido e cando me dá a gana son lento. E non me importa confesalo.


Corro máis e máis veces cá ese Forrest Gump do carallo. Móvome detrás dos indios harapahoes ou sioux ou cheyennes e navego na Perla Negra camiño do Caribe. Aínda que cando vou no medio do camiño, viro e diríxome para a desembocadura do Miño. Por certo, sigo a dirixir a miña vida. Ninguén é quen de me dicir a onde teño que ir. Polo de agora vou coller unha nave espacial e ir tras a lúa vella. A lúa vella é bonita; que ninguén me diga o contrario.

Cando me puxen en movemento eu ben sabía o que quería dicir. Por exemplo, que vou de café en café lendo periódico tras periódico, e aínda que só lle lea os titulares. Para que ler a letras pequena? Quen le a letra pequena dos bancos? Pois entón! Tamén me movo por unha rúa estreita desde a que podo contemplar a ilusión dunha esperanza. Xa teño dito que a esperanza é o último que se perde. Eu nunca a perdo. Pero tamén é verdade que é porque me movo, que se me quedo quieto, a vida pasa e nada acontece. Sigo en movemento.


Finca Fierro. Martes, 9 de novembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario