lunes, 15 de noviembre de 2021

AFOGADO NO RÍO ARNOIA

Botei sen respirar debaixo da auga 24 horas xustas. Aparecín morto, claro. Non sei se alguén pasará máis alá dos cinco minutos. É normal entón que aparecera requiescat in pace. E asomei ás vistas xusto na desembocadura do río Sor co río Arnoia, entre As Mestras e a Ansuíña, en Baños de Molgas.

A miña desgraza aconteceu porque, como investigador privado que son, metín o nariz onde non debía, onde non me chamaban. Tres tipiños que eran coma energúmenos malláronme ata que eles mesmos se cansaron de facelo. E os moi cabróns foron a afogarme no río da miña vida, no Arnoia, e no lugar xusto polo que eu cruzaba miles de veces cando ía para o monte de Pinouzos coas vacas, onde hoxe está a ponte pola que se cruza para ir a Foncuberta. Ese río cruceino de todas as formas habidas e por haber: choutando as poldras, sobre o burro, no carro das vacas, mesmo algunha vez en algunha vaca e, a maioría das veces, goldrando. Por iso é que cando notei que me estaban afogando ata me deu carraxe por ser alí, precisamente alí.


Atopáronme uns nenos que andaban a xogar polas Mestras. Un deles berro tanto co susto que abrín os ollos. Trousei tanto que pensei que botaba peixes pola boca. Non cría na miña resurrección! Pero os rapaces confirmáronme a hora e o día, e eu souben botar as contas: 24 horas. Agora que vaia por aí presumindo Xesucristo; que el resucitou ó terceiro día e eu fíxeno en 24 horas. Haberá que escribir unha nova biblia. Non tardei dúas horas en facerllas pagar ós tres tipiños. A min non me liquida ninguén así como así. E menos no meu río!


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 15 de novembro de 2021

 

2 comentarios: