martes, 30 de noviembre de 2021

SEN O SÉTIMO CEO

El achegouse con parsimonia, moi amodiño ata o garaxe dela. Porque ela comentáralle que xa lle podía entregar o paquete que alguén lle deixara nas mans del. Ela axiña asomou pola porta da cocheira co seu típico e luminoso sorriso. El xa notou algo no peito. Non sabe moi ben onde lera unha vez que o amor é un corazón nervioso. Seguro que el, naquel momento, xa tiña nervioso o corazón. E se non o tiña, xa se lle acelerou de súpeto cando ela o invitou a entrar no garaxe. El pensaba que tan só entregaría o paquete e marcharía. E foi ó momento de entrar cando caeu na conta de que estaban sós. Foi aí cando el notou coma se o mundo se parase un pouco.


Ela invitouno a subir no ascensor porque o paquete era para quedar no coche e necesitaba as chaves deste. El, dentro do ascensor, xa non soubo se definitivamente se parara o mundo. Porque estaban sós. El notaba e sabía que ela lle falaba. Pero el non se decataba de nada. O corazón... el xa non sabía que estaba a facer o seu corazón.

Metéronse un instante no coche e el xa empezou a notar unha certa angustia ou unha inmensa ansiedade que o facían suar. Porque seguían sós. Ela faláballe de música e el tan só sentía a música acelerada do seu corazón. El vía aquel sorriso e tremía. El notaba a súa presenza e sufría. Pero el, á hora da verdade, marchou coas orellas gachas e sen saber se o mundo rotaba ou se a esperanza seguía intacta. Nese momento, o desexo non alcanzou o sétimo ceo. Ás veces hai que padecer un pequeno inferno.


Café Sports Century. A Valenzá. Martes, 30 de novembro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario