lunes, 14 de febrero de 2022

CARALLO DE MELENDI

Dime o Melendi que cerre os ollos. Como os vou cerrar! Se cerro os ollos, non vexo. Se non vexo, podo tropezar. Se tropezo, máis seguro que caia. Se caio, tamén máis seguro que me manque. Se me manco, estou por apostar que me doe. Se me doe, fixo que haberá sangue. Se sangro, a maiores dos berros de alguén, ata podería desangrarme. Se me desangro, certo que podo morrer. Se morro... como lle vou facer caso a Melendi! Puto Melendi!


Non lle fago caso, claro. Non pecho os ollos e vexo o ceo de cor azul, aínda que alá, ó fondo, cara ó oeste, hai algunha nube de cor gris. Ou case negro. Seguro que dentro dun cacho chove (ou mañá, ou dentro dunha semana, quizais nuns meses), e se chove, vexo chover. Non podo cerrar os ollos! Co bonito que é ver o coche que pasa ou o paxaro que voa. O paxaro que voa, agora mesmo, é un pardal. Eu prefería unha rula, pero... Pero ver unha rula no medio da Valenzá é raro, moi raro, tan raro que nunca a vin. No medio da Valenzá o que se ven son moitas pombas; iso si. Tamén é bonito andar e, mesmo, esperar a velas vir. Pero cos ollos abertos.

Pois mira que non me sae o carallo do Melendi da cabeza. Pedirme que cerre os ollos. Seguro que quería verme tropezar e desangrarme. Morrer; xa non sei tanto se ese era o seu desexo. Tamén sei que hai moito Melendi solto por aí, que queren que peche os ollos para que me esnafre. Non obstante, mirade que máis dunha vez xa confesei que cos ollos cerrados é cando mellor vexo. Eu na realidade só quería meterme un pouco co carallo do Melendi.


Café Sports Century. A Valenzá. Luns, 14 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario