jueves, 24 de febrero de 2022

VECIÑOS INTELIXENTES

Eu son o home que naceu nun día de primavera a iso das cincos da madrugada. Nacín chorando ou berrando, xa non recordo ben. Seguro que fixen as dúas cousas a un tempo, pero non o afirmo. Nacín por enriba dunha corte na que había tres vacas, un becerro e un burro. Mesmo poida que tamén unha ovella. Non sei fixo. A miña nai chamábase Clotilde e o meu pai Salustiano, pero eran máis coñecidos por Os de Alá Arriba. Seguro que era porque viviamos na cima da aldea. A aldea era unha aldea coma outra calquera. Tiña as súas casas, as súas palleiras, os seus cortellos, os seus galiñeiros, os seus canastros e unha aira tan só. Non digo o seu nome porque non quero que o turismo me acabe con ela. Que queredes, para min é a mellor aldea do mundo.


Logo de nacer e de estudar e de traballar, chegou un momento no que casei e trasladeime para o fondo da aldea. Tamén sabedes que o casado casa quere. Ó trasladarme, claro, a xente como non é parva, empezaron a chamarnos (á miña señora e a min) Os de Alá Abaixo. Na misa de doce dos domingos (antigamente, ía á misa os domingos e festas de gardar), eu ben oía ós veciños... “aí veñen Os de Alá Abaixo, e mira, case coinciden cos de Alá Arriba”. Como a intelixencia dos meus pais era pouca, tamén me puxeron de nome Salustiano, polo que case é normal que os veciños fagan uso dos alcumes. Para distinguirnos, claro. Os veciños si que eran intelixentes.

Ale, xa vos contei algo da miña vida. Ó mellor outro día cóntovos algunha outra cousa. Non sei. Todo dependerá. De que? Tampouco sei.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 23 de febreiro de 2022

 

2 comentarios: