miércoles, 16 de febrero de 2022

MADRUGAR PARA IR

Erguín ás sete e cuarto da mañá porque a esa hora me tiña que levantar. Marchei co coche porque tiña que marchar. Levaba tempo, bastante tempo que non circulaba sen a luz do día, pois mesmo, agora, nin tan sequera cando saímos a ver o fútbol polas noites, imos no coche. Desde Moreiras empezou a marmañar, ou sexa, a baballar, é dicir, babuxar, ou mesmo tamén babuñar ou barbañar ou barbuñar ou barbuzar ou barrallar ou barrazar ou barrufar ou barruñar ou barruzar ou brecar ou chuviñar ou chuviscar ou froallar ou lapiñar ou marmallar ou orballar ou patiñar ou poallar ou zarzallar (para que despois digan que a nosa lingua non é rica; 22 palabras para dicir que pingas de auga caen de certa forma sobre a terra), digo que desde Moreiras tiven que facer xa uso, de cando en vez, iso si, do limpaparabrisas. No alto dos Castros, a néboa sumouse á incomodidade da condución; non se vía un burro a tres pasos. Un burro a tres pasos tampouco se vería aínda que non houbese néboa, porque agora os burros brillan pola súa ausencia. Unha pena.


Ó estar chegando a San Tomé os latexos do corazón petaron con forza no peito. Porque por aí case sempre atopo xabarís. Sei que agora están máis cerca das aldeas que no propio monte. Xa antes de Trelle tivera que frear para non atropelar a un zorro (que bonito, por Deus!). En Ramiras parei porque tiven que parar, e seguín de novo camiño ata Castrelo de Miño porque tiven que seguir. E en Castrelo non quedou outra que esperar. Esperei. Á volta, pois máis do mesmo. Resumindo: que madruguei porque tiven que ir.


Finca Fierro. Mércores, 16 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario