sábado, 5 de febrero de 2022

MENOS FANATISMO E MÁIS REALIDADE

Alguén me comentou o outro día que por que non escribía un Pingas sobre Rafa Nadal. A verdade é que non tiña intención, porque sobre este tenista, a semana pasada escribíronse centos de artigos de opinión (aínda que creo que se viu superado polas nosas Tanxugueiras). Non obstante, Nadal dá para máis dun Pingas. Deportivamente falando, ou tenisticamente falando. Porque fóra dos circuítos tenísticos... que queredes que vos diga, a min atravesóuseme algo. Porque cando souben que o investigara a Axencia Tributaria, aí xa engurrei o fociño e non o admiro como o están admirando a maioría dos mortais. É que estou un pouco cansado e farto de que só sexamos completamente legais en tributar a Facenda os que non temos onde caer mortos. Mentres que os ricachóns buscan e rebuscan a forma para defraudar, ou sexa, para que paguemos os pombos e eles poidan vivir con todas as comodidades e servizos cos que nós tributamos.


É que polo ano 2012 andou en algaradas, en barafundas con Facenda porque tributaba no País Vasco sen desenvolver aí ningunha actividade, para beneficiarse dun réxime especial (mentres que para os pobres de espírito non hai réxime que valla). E menos mal!, xa que durante un tempo pensei que estaba nesa lista de famosos que poñían o seu domicilio fiscal noutros países, principalmente Andorra, polo que o tiña xa máis que crucificado. Case como cando lin a seguinte declaración del: “Cando chega a factura de impostos síntome menos feliz de ser español”. Repito, en asuntos de Facenda non distingo amizades nin famosos nin rabo de gaitas. Lembro a aquela grandiosa Lola Flores que lle pedía unha peseta a cada un dos españois para poderlle pagar a Facenda. A Faraona, aí é nada. E odiei con toda a miña alma a Pedro Ruiz cando declarou que el defraudaba a Facenda. Non din que Facenda somos todos? Certo, é un dicir.

Deportivamente, hai que recoñecer, e creo sinceramente, que Rafa Nadal é o máis grande da historia española. Que gozo con el vendo os partidos e que cando participe no Roland Garros, sentarei ante a televisión e seguro que lle rezo á Virxe dos Milagres para que acade o 14 trofeo francés e o 22 do Grand Slam. Tamén recoñezo que, incluso deportivamente, hai por aí tres mulleres que teñen máis Grand Slams que el. Pero, claro, son mulleres. E iso que ultimamente somos todos moi feministas. Aínda que, á hora da verdade, xa vedes: Nadal, Nadal e Nadal. Pois, menos fanatismo e máis realidade.


Finca Fierro. Sábado, 5 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario