viernes, 25 de febrero de 2022

ESPERANDO A UNHA ESTRELA

Levo tres días esperando a que caia unha estrela do ceo. O primeiro día, o que caeu foi unha xeada de tres pares de narices. No segundo, caeron chuzos que pensei que me abrían a cabeza. E neste terceiro, en principio, está caendo unha canícula que aplana. Hai para dar e tomar. Como teña que esperar moitos días máis, ó mellor acabo esmagado por unha nave espacial.


A estrela non cae. E iso que me dá igual unha que outra, que veña do norte ou do sur, do leste ou do oeste, que empurre Superman ou que lle dea un toque o asteroide XLM33. Necesito ver caer unha estrela! Pero non quero que sexa a estrela de David de Juan Bau, non porque non me guste que me gusta, senón porque non sería nada orixinal. Eu quero unha estrela descoñecida. Para facela miña. Para que brille como unha rosa e a todas as horas.

Tampouco quero unha estrela fugaz. Por iso, polo nome. Porque o nome xa o di todo: que será fugaz, efémera, pasaxeira. Eu quero unha estrela que me dure sempre e que poida gardala nun faiado ou nun balcón. Mellor nun balcón, por se quere estar á luz do día. Pobre, tampouco quero tela escondida. Quero que brille. Que brille no firmamento e en calquera lugar no que a asente. Brilla. Ten que brillar á forza; é a miña estrela!

Tres días esperando a que o soño se faga real, a que a fantasía atravese todo o universo. Quero ter unha estrela na palma da miña man. E no bico, un cantar.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 24 de febreiro de 2022

 

2 comentarios: