martes, 8 de febrero de 2022

PASAN OS COCHES

Cheguei a tempo para sentarme na mesa dunha terraza. Dicir que, para estas cousas, sempre chego a tempo. Sentei, pedín un café e xa tomei un primeiro sorbo. Non é que estea moi rico, pero en cuestión de cafés, trago o que me boten. Ou sexa, que normal. Os coches pasan e a música penétrame polos oídos. Non oía ben, pero si, é Buika, a gran Buika a que canta. Os coches seguen pasando e a mascariña, mellor o bozo, está sobre a mesa. Como cidadán exemplar, e como xa tomei o café, volvo tapar a boca por se anda o bicho por aí. Menos mal que dentro de dous días xustos xa non é obrigatorio en exteriores. Loado sexa Deus! Tan só que sexa polos anteollos e para saber o que fala a xente. Non obstante, para min, o máis importante: para poder mollar o dedo e pasar as páxinas dos xornais e dos libros. Aínda que cos libros nunca tiven impedimento, pois como adoito ler por fóra, por xunto a unha explanada que teño por detrás de onde vivo, por aí ando sen bozo.


Os coches non deixan de pasar. Sobre a mesa, o último libro que acabo de ler. Que acabei de ler haberá uns 20 minutos. “En plena noche”, de Mikel Santiago. Típico thriller que entretén moito e ben, e que demostra que os españois tamén saben construír un best-séller. E téñoo aquí, na mesa, porque tan axiña como remate con este Pingas, levareino á biblioteca para a súa devolución. Despois, claro, faltaría máis, pillarei outro. Son as cinco menos dez da tarde e, arre demo, os coches seguen pasando. Uns a continuación doutros. Uns por diante doutros. Uns cruzándose con outros. Son os coches que pasan.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 8 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario