miércoles, 9 de febrero de 2022

COMO LLES CHOVE A ALGÚNS!

Pensaba que só era eu o que corría sen me mover do sitio, o que se duchaba no deserto ou o que nadaba na copa dun castiñeiro, e resulta que os de Mecano din que alguén quere ir a Venus nun barco. Ai, meu Deus, como lles chove a algúns! Para que despois non se diga que non hai xente para todo. Para todo e para máis alá da imaxinación. Eu mesmo moitas veces boto moito tempo colgado dun corno da lúa nova. E só porque me apetece. Para viaxar polo espazo xa me chega cando vou visitar ó meu amigo o alieníxena, que sabedes que está a milleiros de anos luz. A lúa, queirades que non, está aí, á volta da esquina, coma quen di; ou sexa, na fin dunha escaleira... longa, pero escaleira.


Hai xente que di que non é racista, pero aparta dos negros ou dos xitanos. Tamén a hai que cuspe para arriba. Iso é ser parvos! Teñen o risco de que o esgarro lles caia nos fociños. Oxalá! Claro que eu non son menos; por veces quero mirar a través dunha persiana baixada ou esconderme entre un espello e a parede para intentar ver o agasallo que hai ó outro lado.

Como lles chove a algúns! A un servidor e a moitos. Queremos realizar imposibles e ver cos ollos pechos. A ver, eu, sinceramente, cando mellor vexo é cos ollos cerrados. Facede a proba, pechade os ollos e pensade no que realmente queredes pensar; seguro que vedes mellor cá cos ollos abertos. Non sei se ese amigo de Mecano chegaría a Venus, pero eu si alcancei a fin do camiño, dese camiño que pensei que non tiña fin.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 9 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario