jueves, 17 de febrero de 2022

TIRANDO Á CANASTRA

Mido 2,25 metros. Eu mesmo confeso que son máis grande que os días de maio. Sempre traio comigo un balón de baloncesto. Pero non xogo a este deporte. Certo que equipos de todo o mundo, incluídos os da NBA, andaron e andan detrás de min, pero eu nin caso. Porque, á hora da verdade, non sei xogar ó baloncesto. Tan só practico, iso si, o tiro á canastra. A unha canastra moi especial e a unha altura de case 30 metros. Explico.


A torre da igrexa de Baños de Molgas ten 30 metros e catro reloxos que, as súas esferas, son como as rodas dos carros das vacas e as súas agullas do tamaño dos estadullos. Como un dos reloxos está escarallado, quiteille todos os mecanismos e aproveitei a súa esfera. Púxena na posición na que me fixese de canastra. Xa levo meses intentando encestar desde practicamente todos os nichos do cemiterio. Levo unha porcentaxe de acertos altísima, máis do 95%. Desde os primeiros nichos é que non fallo un tiro. É máis, desde o nicho dos meus pais entran os balóns sen tocar o aro do reloxo. Sei seguro que é o pai que me dá forzas e a nai dáme o tino.

Ó segundo mes de practicar, aquilo xa era un espectáculo. Máis polo lugar de onde tiraba a encestar que polas propias canastras, polos propios acertos. Axiña houbo amigos e veciños que ofrecían os seus nichos para que lanzase desde eles. Así quedaban felices pensando que eran os seus seres queridos os que me daban forza... e tino. Nunca tiven tanta afección nin tan boa... mortos e vivos.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 16 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario