miércoles, 23 de febrero de 2022

FACER O PARVO

Ás catro da tarde baixei da casa para achegarme ata os contedores de lixo. Desde lonxe xa vin o que buscaba: un cartón de grandes dimensións. Marchei con el ó garaxe e alí prepararei un bo cartel publicitario ou de aviso ou como lle queirades chamar. Collín dúas boas estacas de castiñeiro que tiña por alí e cravei nelas o cartel. Fun correndo para A Valenzá. A uns metros da rotonda da Familia ou da Farola, xusto no cruce coa rúa do Outeiro, espichei as estacas, é dicir, o letreiro. Eu marchei a tombarme a cinco metros xustos antes da rotonda. Tombeime case no medio da estrada, un pouco escorado á esquerda. Para deixar sitio pola dereita. Porque no cartón pintara, con letras grandes e de diversas cores, o seguinte: “Se non me queres atropelar, non te deteñas”.


Un pequeno apuntamento. Deixaba espazo pola dereita para que non se detiveran os coches, pero tamén coa intención de que, aínda que non leran o cartel, me evitaran e non me atropelaran. Non quería morrer esmagado. Sinceramente, eu só quería chamar a atención, ir de chuliño pola vida. Non fixen esa falcatruada para reivindicar algo. Que va. Eu só quería tombarme na estrada e a ver que pasaba. Estaba cagado de medo, pero... Pero era a única forma de que alguén se fixara en min. E fixáronse. A proba é que cada condutor que pasaba... non quero describir aquí o que me dicían. Os bucinazos que me mandaban notábase ás leguas que se foran escopetas, delas sairían balas. Cando cansei de facer o parvo, collín o cartel e marchei para a casa.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 22 de febreiro de 2022

 

2 comentarios:

  1. Hahaha, menudo perígo tés, non quería eu cruzarme contigo. Apertas, boa noite!

    ResponderEliminar