domingo, 6 de febrero de 2022

SAIO PORQUE TEÑO QUE SAÍR

Segundo algúns marchan porque teñen que marchar, eu saio porque teño que saír. En primeiro lugar, porque son un canquilleiro. E en segundo lugar, porque me pode caer a casa encima. E xa sabedes que iso non pode ser. Creo que a ninguén lle gusta morrer esmagado. Tamén podo saír de dúas maneiras: andando ou correndo. Aínda que a estas alturas, ou sexa, á miña idade, o de correr sería máis ben trotando. Ou facendo como facía o Padre Saltón, un Paúl que había nos Milagres que, ós cachos, andaba e, ós poucos, choutaba. De aí que lle chamasen o Padre Saltón. Eu, ás veces, tamén chouto; cando teño moita présa. E iso que din que as présas nunca foron boas. Claro que tampouco se lle pode facer sempre caso a eses contos.


Non lle poño ningunha pega a saír polas mañás, polas tardes e polas noites. Sempre saio polas mañás e tardes. Agora, a estas alturas, polas noites xa non saio nunca, a non ser, claro está, que haxa que saír a ver un partido de fútbol, que non é que sexa moi a miúdo, pero chégalle ben. E polas noites quero que saibades que non teño medo ningún. No atallo tan só me pode asustar o gato de sempre que anda por aí. Entendede o asunto: non lle teño medo ó gato; é o susto que dá cando aparece de súpeto. En principio, aínda nunca me asustou. Seguro que é porque el me ten máis medo a min que eu a el. Por medo, téñolle máis a eses coches que non respectan os pasos de peóns. Porque eu, cando saio, cruzo pasos de peóns. Unhas veces amodiño e outras trotando. Como o Padre Saltón.


Finca Fierro. Domingo, 6 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario