lunes, 21 de febrero de 2022

O PREGUICEIRO

Teño 62 anos e chámanme O Preguiceiro. Non digo o nome real porque a inmensa maioría da xente nin o sabe. Sempre fun O Preguiceiro. Será porque non fago nada. E teñen razón. Non fago absolutamente nada. O de absolutamente é un dicir, xa que me desprazo un pouco e como de cando en vez. Pero, polo demais, nada de nada. Sempre estou sentado e sen facer nada. Nin escribo, nin leo, nin falo, case nin pestanexo. O motivo, non é que o saiba moi ben, aínda que desconfío que é pola sinxela razón de que me custa facer as cousas, de que son un folgazán. Sento nun balcón e penso. Sento na cociña e busco os pensamentos. Sento nun outeiro e nin tan sequera podo oulear. Sento nun banco da Deputación e tramo trangalladas políticas. Sento nas beirarrúas e quedo coa ollada perdida sobre algunhas persianas. Sento onde me peta e quedo en silencio.


E si, en cada asento, penso. Penso porque sinto. Sinto porque teño u corazón que latexa. E case sempre deixo escapar latexos de felicidade, de angustia, de medo, de carraxe. Porque de todo hai na viña do Señor. Creo que nunca caestes na capacidade dos latexos. É máis, estou por apostar que os latexos pensades que son un blum-blum, blum-blum e nada máis. Non é así. Hai latexos para dar e tomar; principalmente os descritos xa. Ás veces latexo tanto que o normal sería que levase unha man ó corazón, coa inercia esa de intentar calmalo. Pero non; a miña preguiza é tanta que non consigo mover nin un dedo. Así é que... sigo sentado e pensando tan só.


Finca Fierro. Luns, 21 de febreiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario